Thursday 02 de May de 2024

Pablo Alborán ofrecerá un concerto o 11 de xullo no Coliseum dentro da súa xira ‘Tour Terral 2015’


As entradas póñense mañá á venda con prezos que oscilan entre os 22 e os 35 euros

O tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, e o director do Coliseum, Javier Rodríguez, anunciaron esta mañá o concerto que Pablo Alborán ofrecerá no Coliseum dentro da súa xira Tour Terral 2015, que arranca o próximo mes de maio e percorrerá máis de 20 países. “Trátase dunha das xiras máis esperadas en España cunha sorprendente posta en escena e calidade e, por suposto, tiña que estar na Coruña”, destacou a concelleira.
O espectáculo, que chegará á cidade o 11 de xullo do próximo ano, supón o regreso ao recinto do artista máis vendedor dos últimos tempos no noso país, que volve aos escenarios con Terral, o seu terceiro traballo de estudo, co que se encontra no máis alto das listas de vendas, conseguindo xa o Dobre Disco de Platino.
“Trátase da segunda vez que Pablo Alborán visita o Coliseum, onde debutou o 6 de xullo do ano pasado colgando o cartel de non hai entradas”, explicou Javier Rodríguez, quen engadiu: “Nesta ocasión tamén se poñerán á venda 8.500 entradas esperando manter a mesma liña exitosa e completar o pleno aforamento do recinto para este concerto xa que o artista malagueño se converteu nunha icona no noso país levando o fenómeno fan a extremos só comparables aos vividos con Alejandro Sanz nos seus primeiros concertos no Coliseum”.
A responsable da área de Cultura fixo fincapé na importancia de contar na cidade con figuras de amplo recoñecemento como Pablo Alborán: “O artista, referencia indiscutible da música pop actual e cunha trintena de discos de platino (26 en España e 7 en Portugal), volve situar á cidade como o gran referente musical do noroeste español”, destacou e engadiu: “Este Goberno local continúa na mesma liña de traballar para a cidade conte con espectáculos de todo tipo, para todos os gustos e idades,”.
O novo traballo do malagueño inclúe éxitos como Por fin e Pasos de cero que compartirá protagonismo no concerto coas cancións máis emblemáticas dos seus discos anteriores e novos temas como Ecos, La escalera, Está permitido, Recuérdame, Ahogándome tu adiós, Volvería, Un buen amor, Vívela, Gracias, Quimera, Despídete y El olvido.
As entradas estarán dispoñibles dende mañá na web do artista e a partir do xoves nos Servinova e Ticketmaster. Os prezos oscilan entre os 22 e os 35 euros.